Santiago, 30 de maio de 2011.- A sinistralidade laboral baixou en Galicia un 21,22% o pasado mes de abril, período no que se produciron 2.339 accidentes con baixa en xornada laboral, fronte aos 2.969 ocorridos no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes rexistrados, 2.287 foron casos leves, 50 graves e 2 mortais.

O descenso foi xeralizado en todos os sectores. Os datos máis positivos proceden da construción, cunha baixada do 26,76%; seguida da industria, cun descenso do 21,61%; da pesca, cun 20%; dos servizos, cunha diminución de sinistros do 18,40%; e da agricultura cun descenso do 17,86%.

Por provincias, Ourense encabeza a redución dos sinistros laborais cunha porcentaxe do 37,88%; seguida de Lugo, cunha diminución do 25,40%; Pontevedra, cun 18,15% de descenso; e A Coruña, cunha baixada do 17,95%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, é necesario tomar en consideración o índice de incidencia, é dicir, a comparación entre os datos de accidentes en relación co número de traballadores coas continxencias de accidente cubertas.

Con este criterio, o índice de incidencia da sinistralidade diminuíu en abril un 20,12%, sendo o sector dos servizos o que presenta un comportamento máis favorable cunha redución do índice do 19,15%; seguido da industria, cunha diminución do 18,96%; da construción cun descenso do 18,02%; da pesca, cunha baixada do 17,55%; e da agricultura, onde a redución foi do 13,91%.

Diminución acumulada do 18,99% no primeiro cuadrimestre do ano

Considerando os resultados acumulados no que vai de ano, no conxunto do primeiro cuadrimestre produciuse unha baixada da sinistralidade laboral en Galicia do 18,99%, cun total de 10.317 accidentes, fronte aos 12.736 no mesmo período de 2010.